OS VECIÑOS DE FRAN ALONSO
Fran Alonso escribiu un libro suxestivo. Os veciños de Fran comparecen novamente en A balada solitaria: "Os veciños mudan de casa e veñen outros, distintos pero iguais". Fran agora non ten veciños, botouse de Vigo para ir vivir no que os que residimos en cidades (mesmo Lugo semella cada vez máis unha cidade) denominamos rural. El gañou, de seguro, en comodidade, pero esa carencia de veciñanza hanos deixar sen estarrecementos xeniais como o de Silencio. Tamén nos deixou sen blog porque a el o deixaron sen ADSL e reside na Idade de Bronce da Internet. Confío en que Alierta (Telefónica) nos regrese Cabrafanada. Pero Fran trouxenos de volta aos seus veciños con fotografías supervitaminizantes de Renato Roque. O único malo de A balada é que hai que procuralo no país dos nosos veciños, Portugal, porque foi tirado por Ediçoes Éterogémeas. Tamén se poderá mercar na presentación que farán en Vigo o 20 de maio. Da atención que Luís Mendonça sitúa sobre os seus libros responde que o principal punto de venda é o Museo Serralves de Porto. O extraño é que o texto vai en galego, o excepcional é que Mendonça se estrañou cando eu lle preguntei estrañado pola curiosidade idiomática. "Editeino em galego para Portugal, claro". Hai iniciativas que me aledan o día no que as coñezo e se prolongan durante varios.